sábado, 30 de janeiro de 2010

Docentes ameazados


Galicia Hoxe- 29/1/2010

Case catro de cada dez profesores padecen niveis de estrés alto por medo a seren agredidos polos alumnos e mais pola falta de apoio dos pais ante a indisciplina

O 37,4% dos docentes padecen niveis de estrés altos ou moi altos no traballo e as principais razóns son o temor a sufrir unha agresión física dos alumnos e a falta de apoio dos pais nos problemas de disciplina escolar.

A continuación figuran presenciar agresións físicas entre os alumnos (47,91%), ensinar a persoas que non valoran a educación (43,5%) e impartir clase a un número alto de alumnos (42,1%).

Concretamente, o 50,2% deles teñen medo de ser agredidos por algún alumno e séntense ameazados polo ambiente que existe nos centros escolares, segundo unha enquisa realizada por FETE-UXT, coa que pretenden abordar as distintas situacións de violencia que se dan nos centros escolares e constatar que supón un factor de risco psicosocial para a saúde dos traballadores do ensino.

Segundo estes datos, un 7,4% do profesorado asegura que algunha vez o agrediu algún alumno, e case un 2% admite que os alumnos o agriden fisicamente, polo menos, unha vez ó mes. A cifra de docentes ameazados é aínda maior: o 32,4% declara que o intimidaron algunha vez.

A enquisa, realizada mediante un cuestionario dirixido a 1.300 traballadores, grupos de discusión e entrevistas en profundidade a directores e profesores de catorce comunidades autónomas, revela que un 37,5% dos docentes considérase bastante estresado pola interacción cos alumnos. Fronte a eles, un 5% afirma non sentir ningún grao de estrés na súa relación cotiá cos escolares.

En cuestión de xénero, as mulleres senten niveis de estrés máis elevados cós seus compañeiros masculinos.

Un de cada tres profesores sofre niveis elevados de estrés na súa relación co alumnado e máis da metade padece comportamentos disruptivos, "aqueles que mediante constantes interrupcións da clase, canalladas, contestacións ou o falar continuadamente en clase, impiden o normal desenvolvemento da tarefa docente". Este comportamento prodúcese con moita frecuencia segundo o 34,1% do profesorado, e "con certa frecuencia", é dicir, polo menos unha vez ó mes, para o 56,5% dos docentes.

O estudo levado a cabo por FETE-UXT, que contou co apoio institucional de FE-CCOO e CECE no marco da Fundación para a Prevención de Riscos Laborais, analiza tamén as relacións entre familia e profesor, o profesorado, entre este e a dirección do centro, así como a dos alumnos cos seus iguais.

Neste caso, a porcentaxe de docentes que se consideran bastante estresados pola súa relación coas familias dos alumnos elévase ó 19,5%. Un 24% di que recibiu insultos algunha vez, un 19,3% confesa que foi vítima nalgunha ocasión de malos tratos psicolóxicos e un 4% sufriu algunha vez unha agresión física por parte dos familiares dos estudantes.

Pola súa banda, na relación co equipo directivo, constátase que a metade do profesorado non se sente especialmente estresado, aínda que un 20% recoñece que lle xera un nivel maior cá media e un 11% admite niveis altos de estrés.

Ademais das relacións do profesor co alumnado, as que este mantén entre si provócanlle ó docente un novo aumento do nivel de estrés, dato esperable pois os dous colectivos son os que xeran unha maior cantidade de interaccións entre si. Así, o 32,8% dos profesores considérase bastante estresado pola relación dos alumnos cos seus iguais.

A CERNA

Reforzo da docencia

FETE-UXT reivindica "unha lei que recoñeza a autoridade pública para todo o profesorado" e medidas preventivas como atención á diversidade, máis persoal e perfís profesionais de complemento á docencia.

sexta-feira, 22 de janeiro de 2010

A importancia de traballar en equipo

Unha curiosa curtametraxe de debuxos animados onde se reflicte claramente a importancia de traballar en equipo para resolver un conflito.

domingo, 17 de janeiro de 2010

Marian López: "Os prexuízos castigaron este centro, pero agora é modelo de integración"


O colexio San Xoán de Filgueira recibe premios nacionais "pola convivencia dos seus alumnos: xitanos, latinos, chineses". "Aqueles pais que teñen medo de meter os seus fillos nesta escola deberían visitarnos canto antes", di

P. HERMIDA . Galicia Hoxe

Na década dos anos 90, os dedos máis intolerantes sinalaban o colexio San Xoán de Filgueira (Ferrol): grande absentismo escolar entre os nenos de etnia xitana, o inicio do fenómeno da inmigración, os prexuízos sociais... Pero todas as barreiras caeron gra­zas ó estusiasta traballo dun profesorado coordinado pola directora do centro, Ma­rián López. A súa grande emoción cando recibiu a Insignia de Ouro de Ferrol amosaba a forte impli­cación psicolóxica para conver­ter o colexio ferrolán nun modelo de inte­gración. Ela queda "co cariño duns nenos que nos enriquecen constantemente".
-O colexio San Xoán gañou o I Premio Na­cional de Boas Prácticas de Convi­vencia do Ministerio de Educación. ¿De que situación partía o colexio cando se pensou este modelo de ensino en valores?
- O fenómeno da etnia xitana iniciouse tras os peches do cen­tro de Catabois e o Chavós, hai 15 anos que todos eses nenos chegaron ó San Xoán. Agora un 25% dos nosos 200 alumnos son xitanos, e dende hai cinco anos asistimos a un boom de diversi­dade cultural. Temos 16 nenos de moitas nacionalidades: ar­menios, chineses, países de La­tinoamérica... E necesitabamos traballar con ese cambio social, adaptarnos ás necesidades antes de agardar pola resposta das ad­ministracións.
-Para fomentar esa igualdade, empezaron por actividades visuais.
-Queriamos normalizar ese choque de culturas, comparan­do por fotos as diversas cores de pel, dar resposta ante a sorpresa por un novo alumno negro ou chinés. Visualizando a diversida­de, os nenos contactan coa reali­dade e evitan o rexeitamento. Le­vamos cinco anos e aínda esta­mos empezando: murais sobre os dereitos, celebracións adapta­das ás distintas tradicións. O vi­sual é o que máis chama a aten­ción dos nenos. Investigamos para coñecer as festas de distin­tos países equivalentes ó Magos­to, as comidas típicas dos días de Nadal, as festas de primavera que coin­ciden cos nosos Maios. Os traba­llos realízanse en cada clase e se plasman nun mural final.
-¿E tamén aprenderon os profes?
-Moitísimo, este proceso é moi enriquecedor para nós. Partindo da interculturalidade, os cativos interiorizan os valores de convi­vencia. O primeiro ano xa o vi­viron dunha forma moi intensa, e cada vez nos piden más. Este curso iniciámolo cos hábitos saudables e a alimentación, te­mos un día da leite... E ademais, dedicamos unha hora semanal a titoría en valores: falamos con eles sobre violencia de xénero, sobre evitar o consumismo coi­dando do material escolar. Ago­ra traballamos para o Día da Paz, cos Oito Obxectivos do Milenio que se representarán no noso Xardín dos Valores. E mesmo sairemos de manifestación. Os nenos gozan con estas tito­rías, debaten e aprenden a solu­cionar os seus pequenos confli­tos a través do diálogo.
-¿Notaron a evolución dos nenos nestes cinco anos?
-Interiorizaron os valores dun xeito espontáneo. Sempre que teñen un conflito, queren co­municalo para reflexionalo e sa­ber que facer. Todos os cativos es­tán absolutamente integrados, cun gran respecto entre eles. Hai cinco anos chegou un rapaz do­minicano que sufriu problemas na súa primeira época. Pero can­do marchou, todos os compa­ñeiros choraron por el. O profe­sorado volcouse ó completo co proxecto, nun traballo moi emo­cional que os nenos merecen.
-Loitaron contra os prexuízos que pesaban sobre este centro.
-Este colexio foi moi castigado e sinalado pola súa diversidade cultural. A sociedade amosou prexuízos con el, non se espera­ba que tivese o mesmo nivel que outros centros. E ó final amosa­mos que o nivel depende dos alumnos. Agora nos premian por esa integración.
-¿Que lles diría ós pais que temen meter os fillos nun colexio co 25% do alumnado xitano?
-Eses pais con prexuízos debe­rían visitarnos canto antes. As familias xitanas son estupendas, os inmigrantes teñen carencias que os galegos tamén padecimos cando tivemos que emigrar do noso pais. Eses pais non deben fixarse na cor da pel senón no noso traballo. ¡Que comproben o felices que son os nenos en San Xoán!

"Os cativos poden educar ós pais"
Chegou a San Xoán como pro­fesora de apoio para alumnado de etnia xitana en 1999. "Antes había moito absentismo, e ago­ra só temos cinco expendien­tes abertos por faltar a clase", confirma. Emociónase cando fala dos seus rapaces, ca­se tanto como cando lle dedicou o último premio á súa familia.
-¿Na súa meta está a igualdade de oportunidades dos seus alum­nos nun futuro?
- Por iso traballamos, para que non sexan marxinados. Inten­tamos que os de etnia xitana se integren, respectando a súa cul­tura pero recalcando a necesi­dade de evolución. Os propios nenos poden educar e ensinar valores ós seus pais. Temos unha relación permanente cos pais de nenos xitanos, viven na zona e falamos a diario. Es­tes rapaces fan amigos no cole e queren aprender. Unha anti­ga alumna xitana díxome hai pouco que non quería casar ata que rematase de estudar. A revolución do pobo xitano em­pezará pola muller, como todas as revolucións. Aí radica a im­portancia da educación.
-¿Que problemas observan os mestres nos nenos deste século?
-O noso centro é modélico, pero nos cativos da sociedade actual vemos un consumis­mo excesivo, falta de respecto polo medio, individua­lismo. Os pais deberían ensi­narlles a valorar o esforzo para acadar unha meta, a rexeitar o éxito rápido. Os nenos son es­ponxas e cando maduren valo­rarán a súa aprendizaxe.