sábado, 30 de janeiro de 2010

Docentes ameazados


Galicia Hoxe- 29/1/2010

Case catro de cada dez profesores padecen niveis de estrés alto por medo a seren agredidos polos alumnos e mais pola falta de apoio dos pais ante a indisciplina

O 37,4% dos docentes padecen niveis de estrés altos ou moi altos no traballo e as principais razóns son o temor a sufrir unha agresión física dos alumnos e a falta de apoio dos pais nos problemas de disciplina escolar.

A continuación figuran presenciar agresións físicas entre os alumnos (47,91%), ensinar a persoas que non valoran a educación (43,5%) e impartir clase a un número alto de alumnos (42,1%).

Concretamente, o 50,2% deles teñen medo de ser agredidos por algún alumno e séntense ameazados polo ambiente que existe nos centros escolares, segundo unha enquisa realizada por FETE-UXT, coa que pretenden abordar as distintas situacións de violencia que se dan nos centros escolares e constatar que supón un factor de risco psicosocial para a saúde dos traballadores do ensino.

Segundo estes datos, un 7,4% do profesorado asegura que algunha vez o agrediu algún alumno, e case un 2% admite que os alumnos o agriden fisicamente, polo menos, unha vez ó mes. A cifra de docentes ameazados é aínda maior: o 32,4% declara que o intimidaron algunha vez.

A enquisa, realizada mediante un cuestionario dirixido a 1.300 traballadores, grupos de discusión e entrevistas en profundidade a directores e profesores de catorce comunidades autónomas, revela que un 37,5% dos docentes considérase bastante estresado pola interacción cos alumnos. Fronte a eles, un 5% afirma non sentir ningún grao de estrés na súa relación cotiá cos escolares.

En cuestión de xénero, as mulleres senten niveis de estrés máis elevados cós seus compañeiros masculinos.

Un de cada tres profesores sofre niveis elevados de estrés na súa relación co alumnado e máis da metade padece comportamentos disruptivos, "aqueles que mediante constantes interrupcións da clase, canalladas, contestacións ou o falar continuadamente en clase, impiden o normal desenvolvemento da tarefa docente". Este comportamento prodúcese con moita frecuencia segundo o 34,1% do profesorado, e "con certa frecuencia", é dicir, polo menos unha vez ó mes, para o 56,5% dos docentes.

O estudo levado a cabo por FETE-UXT, que contou co apoio institucional de FE-CCOO e CECE no marco da Fundación para a Prevención de Riscos Laborais, analiza tamén as relacións entre familia e profesor, o profesorado, entre este e a dirección do centro, así como a dos alumnos cos seus iguais.

Neste caso, a porcentaxe de docentes que se consideran bastante estresados pola súa relación coas familias dos alumnos elévase ó 19,5%. Un 24% di que recibiu insultos algunha vez, un 19,3% confesa que foi vítima nalgunha ocasión de malos tratos psicolóxicos e un 4% sufriu algunha vez unha agresión física por parte dos familiares dos estudantes.

Pola súa banda, na relación co equipo directivo, constátase que a metade do profesorado non se sente especialmente estresado, aínda que un 20% recoñece que lle xera un nivel maior cá media e un 11% admite niveis altos de estrés.

Ademais das relacións do profesor co alumnado, as que este mantén entre si provócanlle ó docente un novo aumento do nivel de estrés, dato esperable pois os dous colectivos son os que xeran unha maior cantidade de interaccións entre si. Así, o 32,8% dos profesores considérase bastante estresado pola relación dos alumnos cos seus iguais.

A CERNA

Reforzo da docencia

FETE-UXT reivindica "unha lei que recoñeza a autoridade pública para todo o profesorado" e medidas preventivas como atención á diversidade, máis persoal e perfís profesionais de complemento á docencia.

Sem comentários: